gota fría
Configuración sinóptica equivalente a unha dana. A expresión está moi arraigada na fachada mediterránea española -particularmente na Comunidade Valenciana e a Rexión de Murcia-, onde chaman así á maioría dos episodios de chuvias torrenciais, con independencia de que haxa ou non unha dana. Ten a súa orixe na palabra alemá kaltlufttropfen (pinga de aire frío), que foi acuñada en 1937 polo meteorólogo Richard T. A. Scherhag (1907-1970). Empregou esa palabra para definir unha depresión de latitudes medias e núcleo frío, illada do fluxo xeral do oeste, con presenza só en niveis medios e altos da troposfera, pero non en superficie. No léxico meteorolóxico internacional coñécese como cut-off low. En España, o meteorólogo Manuel Ledesma (1916-2011) foi o primeiro en traducilo como «gota fría», cara a 1950, sendo o tamén meteorólogo Mariano Medina (1922-1994) quen contribuíu a popularizar a expresión, que definiu como «un remuíño [borrasca] de aire frío, illado dentro do aire tropical». O seu uso empezou a xeneralizarse na década de 1980, a raíz das inundacións catastróficas provocadas pola rotura da presa de Tous (Valencia), o 20 de outubro de 1982, como consecuencia dun extraordinario episodio de chuvias torrenciais. O uso inapropiado que empezou a facerse da expresión levou aos preditores do daquela Instituto Nacional de Meteorología a propor o uso do termo DANA (acrónimo de depresión illada en niveis altos). Na actualidade, este último termo logrou certo grao de penetración na sociedade, grazas á súa difusión nos medios de comunicación, pero non conseguiu desterrar a gota fría. Aínda hai moitas persoas que empregan esta expresión en detrimento de dana, cuxo uso só é maioritario na comunidade meteorolóxica.
Termos relacionados: dana