dana

Palabra cada vez máis integrada na linguaxe meteorolóxica, que se expresa indistintamente con letras minúsculas ou maiúsculas (DANA), aínda que esta última forma -coa que o termo empezou a usarse- vai substituíndose progresivamente pola primeira, tal e como figura nesta entrada. É o acrónimo de «depresión illada en niveis altos»; unha expresión que empezaron a usar os meteorólogos do antigo Instituto Nacional de Meteorología (INM) -actual AEMET- a mediados da década de 1980, para contrarrestar o uso abusivo que xa daquela se empezaba a facer da expresión «gota fría». Deste último xeito a poboación empezou a identificar, particularmente na área mediterránea, calquera episodio de chuvias intensas na zona, con independencia de que houbese ou non unha dana. Non é necesario que exista un embolsamento de aire frío en altura, descolgado do fluxo xeral, para que poida chover torrencialmente, nin tampouco a súa presenza garante en todos os casos esas chuvias fortes. O termo dana foi elixido para honrar a memoria do meteorólogo Francisco García Dana (1924-1984), quen ocupou a xefatura do Centro de Predición do INM desde 1979 até 1984, ano en que faleceu. A dana é unha baixa presión illada en altura, que ten o seu reflexo nos niveis isobáricos de 300 e 500 hPa, pero non en superficie. Ao estar descolgada do fluxo xeral do oeste, evoluciona de forma independente, cun ciclo de vida propio. As danas adoitan ser bastante estacionarias, estando ás veces dotadas dun movemento retrógrado, contrario ao das típicas borrascas.

Termos relacionados: gota fría

Tamén coñecido como: baixa illada