aurora polar
Fenómeno luminoso que ten lugar na alta atmosfera, a altitudes superiores aos 100 km, e que se observa habitualmente nas rexións polares. É o resultado da interacción do vento solar coa atmosfera terrestre. Parte dese fluxo de partículas eléctricas moi enerxéticas, que irradia o sol en todas as direccións, é interceptado polo potente campo magnético da Terra, que actúa como un escudo protector e o desvía cara aos dous polos magnéticos. O bombardeo de partículas sobre as moléculas gasosas que hai na parte superior da atmosfera dá como resultado a emisión de luz en diferentes lonxitudes de onda (distintas cores) e, consecuentemente, a formación das auroras polares. As súas tonalidades dependen do tipo de moléculas bombardeadas. As de osíxeno forman auroras de cor verde; o nitróxeno, resplandores en tons vermellos, rosas e púrpuras, mentres que a cor azul -menos frecuente- procede de moléculas de hidróxeno, situadas moi arriba na atmosfera. Dependendo do hemisferio terrestre onde se formen, temos auroras boreais (hemisferio norte) e austrais (hemisferio sur). As grandes tormentas xeomagnéticas, provocadas na magnetosfera terrestre pola chegada dun vento solar máis intenso do normal, dan como resultado auroras polares de maiores dimensións, que poden chegar a observarse en latitudes máis baixas do habitual. As auroras boreais coñécense tamén como as luces do norte e ao seu redor existen multitude de lendas. Nalgunhas culturas nórdicas pensábase que eran as almas dos mortos, que habitaban por encima da atmosfera e que bailaban con unhas antorchas acendidas para guiar os pasos dos novos espíritos.
Termos relacionados: tormenta solar, aurora, aurora boreal, aurora austral