neveira
Pozo de varios metros de profundidade escavado na terra, con muros de contención de pedra ou ladrillo e pechado por arriba cunha bóveda de cachotería, destinado ao almacenamento e conservación da neve, co fin de dispor de xeo (neve compactada) durante os meses do ano nos que se funde a neve acumulada no chan. As primeiras referencias históricas deste tipo de construción remóntanse a Mesopotamia e ao Antigo Exipto, hai uns 3000 anos. Os gregos e os romanos tamén fixeron uso do xeo almacenado en pozos, usándoo con fins terapéuticos e para arrefriar as bebidas en verán. Durante a Pequena Idade de Xeo (PIX), a actividade comercial ligada á neve alcanzou o seu momento de máximo esplendor, construíndose moitos pozos a partir do século xiv . A finais do século xix comezou o declive, ao coincidir a fin da PIX coa invención das máquinas frigoríficas e a fabricación de xeo artificial. O pozo de neve recibe tamén outras denominacións como cava, neveira ou nevero artificial. Aínda que o seu deseño varía duns a outros, todos eles teñen unha pequena porta de acceso, que dá paso a unha estreita escaleira lateral interna pola que se pode baixar até o fondo ou até o nivel alcanzado pola neve almacenada nel. Cando se producía unha gran nevada na zona onde estaba enclavado o pozo, poñíase en marcha un dispositivo que involucraba a varios centos de persoas que, de forma coordinada, se encargaban de transportar grandes cantidades de neve -cargada ás costas- até a entrada do pozo e, unha vez alí, arroxábana no seu interior. Alí dentro, varios operarios íana amoreando e compactando de forma apropiada. Pasado o inverno, procedíase á operación inversa: a recollida do xeo, que, unha vez cortado en bloques, era transportado en mulas até os núcleos de poboación próximos, onde se procedía á súa venda e distribución. Quedan aínda en pé moitos destes pozos, algúns dos cales foron restaurados.
Tamén coñecido como: pozo de neve