nevero
Capa de neve compacta de pouca extensión, situada nunha zona de terreo pouco exposta á insolación, que aguanta sen se fundir por completo durante todo o ano ou boa parte del. Os neveros son comúns en zonas altas de montaña (por riba dos 2500 aos 3000 m de elevación, en latitudes medias), onde logran subsistir por debaixo do límite das neves perpetuas, tanto durante a segunda metade da primavera como no verán, coincidindo co período do ano en que se alcanzan as temperaturas máis altas. O nevero tamén recibe o nome de ventisqueiro e xeleiro -palabras que admiten, ademais, outras acepcións meteorolóxicas-, amais de varios localismos.