satélite meteorolóxico

Satélite artificial que orbita a Terra e leva a cabo observacións meteorolóxicas, transmitíndoas a estacións receptoras terrestres. Os datos que pode obter son moi variados, non se limitando só a captar imaxes das nubes, que é a súa función máis coñecida, grazas aos espazos do tempo da televisión. Estes satélites tamén se encargan de monitorizar unha infinidade de variables e elementos de interese meteorolóxico e climático, como os aerosois (fume, po, cinzas volcánicas…), as auroras polares, os glaciares, icebergs, mantos de xeo, a temperatura superficial do mar, os ventos, as tormentas, as concentracións de gases contaminantes, ozono estratosférico, CO 2 , metano… A cobertura dos satélites meteorolóxicos é global, o que supón un volume de millóns de datos novos cada día, que nutren os modelos numéricos de predición do tempo. O primeiro satélite meteorolóxico que completou con éxito a súa misión foi o TIROS 1, que foi lanzado pola NASA o 1 de abril de 1960. Tivo como precursor ao Vanguard 2, que formou parte dun proxecto da Armada dos EE UU e se lanzou o ano anterior (o 17 de febreiro de 1959). Aínda que este satélite se deseñou para medir a distribución da cobertura nubosa e a densidade do aire, apenas achegou datos, polo que adoita considerarse o TIROS 1 como o primeiro satélite meteorolóxico da historia. A posta en marcha, en 1963, do Programa de Vixilancia Meteorolóxica Mundial da OMM, impulsou definitivamente a observación da atmosfera desde o espazo, grazas aos satélites meteorolóxicos. En función da altura sobre a superficie terrestre á que se sitúe un satélite artificial, considéranse catro tipos de órbitas: 1) órbita terrestre baixa (polar ou de estacionamento); 2) órbita terrestre media (a que utilizan os satélites que posibilitan os sistemas de navegación global); 3) órbita xeosíncrona; e 4) órbita terrestre alta. Os satélites meteorolóxicos ubícanse dentro das categorías 1 e 3.