Oscilación do Atlántico Norte

Coñecida internacionalmente pola sigla NAO (acrónimo de North Atlantic Oscillation) e identificada por primeira vez, en 1924, polo meteorólogo británico Sir Gilbert Thomas Walker (1868-1958), consiste nunha flutuación a gran escala na masa de aire situada entre a zona de Islandia e a de Azores, ambas as dúas no Atlántico Norte. Esta oscilación natural determina, en boa medida, a variabilidade que presenta a circulación atmosférica en Europa, principalmente no inverno. A súa zona de influencia non se limita ao continente europeo, estendéndose desde Norteamérica ata o norte de Asia, polo que xoga un importante papel no comportamento do clima en todo o hemisferio norte. O diferente signo e magnitude que pode adquirir a NAO calcúlase grazas a un índice numérico estandarizado (índice NAO), que se define como a diferenza de presión atmosférica en superficie entre dúas estacións meteorolóxicas situadas, respectivamente, na rexión do Atlántico Norte onde dominan as altas presións subtropicais e a zona depresionaria de Islandia. Inicialmente, elixíronse as estacións de Ponta Delgada, nas illas Azores (Portugal), e Stykkisholmur (Islandia) para o seu cálculo. Co paso do tempo, os climatólogos comezaron tamén a usar outras estacións de referencia, como a de Reykjavik, Lisboa ou Xibraltar. O cálculo do índice NAO para cada ano permite saber se a oscilación é positiva (NAO+) ou negativa (NAO-), en función de que o seu valor sexa maior de +1 ou menor de –1, respectivamente. Se o valor queda comprendido entre –1 e +1 temos condicións neutrais. Na fase positiva, o anticiclón das Azores presenta valores de presión máis altos do habitual, véndose favorecidas as situacións de bloqueo. Na fase negativa, o citado anticiclón está máis debilitado, permitindo o paso de trens de borrascas -con temporais de vento asociados- por latitudes máis baixas. Estes anos con NAO- son particularmente choivosos en gran parte da península ibérica.