pararraios

Dispositivo que protexe un edificio do impacto dos raios, salvagardando a integridade física das persoas que o ocupan. Os pararraios tamén se colocan en barcos e instalacións das máis diversas (antenas, torres eléctricas, aeroxeradores…). O máis común de todos eles está baseado no efecto punta e coñécese tamén como pararraios Franklin, en honra ao seu inventor: o polifacético Benjamin Franklin (1706-1790). Grazas ao seu famoso experimento da cometa, levado a cabo en Filadelfia (EE UU) o 15 de xuño de 1752, demostrou que os raios son descargas eléctricas. Ao ano seguinte (1753) inventou o aparello. O pararraios convencional colócase na parte máis alta dos edificios e consta dunha ou máis barras metálicas, de aceiro galvanizado, rematadas nunha punta de wolframio, resistente ás altas temperaturas que se xeran cando impacta nela un raio. A ionización do aire nese extremo abre o camiño aos raios procedentes das nubes de tormenta. O outro extremo está conectado a terra mediante condutores metálicos de baixa resistencia eléctrica. Desta forma, cando un raio impacta no pararraios transmítese con rapidez a terra, evitando que a descarga provoque danos na estrutura do edificio. Algúns pararraios -tamén baseados no efecto punta- están coroados por unha especie de anel que contén unha pequena cantidade dun isótopo radioactivo, cuxa misión é ionizar máis o aire arredor do dispositivo. Existen tamén os pararraios de tipo reticular -baseados no principio físico da gaiola de Faraday-, que consisten nunha malla metálica conectada a terra que cobre os edificios na súa totalidade. Un edificio moderno con estrutura metálica cumpre esa mesma misión, polo que se reduce practicamente a cero a probabilidade de que penetre nel un raio e cause danos no seu interior.

Termos relacionados: raio