particulado

Forma abreviada de referirse ao material particulado (PM). Recibe esta denominación a mestura de diminutas partículas en fase líquida ou sólida, tanto de orixe orgánica como inorgánica, que se atopan en suspensión no aire, contribuíndo á súa contaminación. Entre esas partículas hai elementos moi variados, como po mineral, carbonilla, sulfatos, nitratos, silicatos, cinsas, pólenes e un longo etcétera. As fontes de emisión poden ser naturais (erupcións volcánicas, incendios forestais) ou ter a súa orixe nas actividades humanas (tráfico, industria, agricultura…). Nos estudos de calidade do aire, o material particulado catalógase como PM10 ou PM2,5, en función do seu tamaño. A primeira categoría (PM10) correspóndese coas partículas de maior tamaño, con diámetros comprendidos entre 10 e 2,5 µm, mentres que a segunda (PM2,5) engloba as partículas finas, con diámetros inferiores a 2,5 µm. Estas últimas son as máis perigosas para a saúde, xa que, ao seren inhaladas, non quedan retidas nas vías respiratorias (cousa que si ocorre coas PM10), senón que logran alcanzar os alvéolos pulmonares -na parte externa dos bronquíolos-, conseguindo pasar ao torrente sanguíneo. Nos últimos anos, empezan a aparecer estudos focalizados nas chamadas partículas ultrafinas (PM1), con diámetros inferiores a unha micra (1 µm). Véxase tamén po volcánico.

Termos relacionados: contaminación atmosférica