penitentes
Forma abreviada de referirse ás neves penitentes. Reciben este nome os rechamantes pináculos de neve compacta, de altura moi variable (desde uns cantos centímetros [«micropenitentes»] ata entre 4 e 5 metros), nos que termina convertido un manto de neve sometido a unhas condicións meteorolóxicas moi particulares e extremas. Tan curiosa denominación débese ao parecido que teñen cunha procesión de nazarenos en Semana Santa, cada un deles ataviado co seu capirote. Documentáronse en zonas de alta montaña de diferentes cordilleiras terrestres, sendo na rexión desértica e montañosa dos Andes Centrais de Arxentina e Chile onde se forman con maior frecuencia, habitualmente por riba dos 4000 m sobre o nivel do mar. En España, fórmanse ocasionalmente tanto nos Pireneos como no Teide. Estas agullas de xeo son o resultado da perda de neve por fusión e sublimación. Na referida zona andina, o ambiente, á parte de xélido, é tan extremadamente seco que a neve superficial comeza a evaporarse, formándose concavidades no manto nivoso. A medida que eses ocos se van agrandando, cobra relevancia o factor solar (diferente insolación entre zonas de solaina e umbría), o que acelera o proceso de perda de neve, perforándose progresivamente a capa ata culminar na formación desa especie de estalagmitas de xeo. A primeira referencia científica dos penitentes débese ao naturalista inglés Charles Darwin (1809-1882), que se atopou con eles nunha expedición pola rexión andina, o 22 de marzo de 1835. O glaciólogo francés, afincado en Chile, Louis Lliboutry (1922-2007) foi o primeiro en explicar de forma satisfactoria como se forman.
Tamén coñecido como: neves penitentes