permafrost

Nome co que se coñece internacionalmente ao terreo permanentemente xeado. Xorde da fusión das palabras inglesas permanent (permanente) e frost (xeada, xeo). É a capa de solo -de terra, rocha ou unha mestura de ambas as dúas, así como de materia orgánica-, de espesor variable, na que a auga contida nela se atopa total ou parcialmente xeada ao longo de todo o ano. O permafrost existe naqueles lugares fríos da Terra onde o quecemento estival non chega a desconxelar por completo o xeo contido no solo. Normalmente, por debaixo da capa superficial afectada polo ciclo anual de conxelación-fusión hai unha capa inferior de terreo permanentemente xeado. O ascenso das temperaturas experimentado nas últimas décadas en latitudes altas do hemisferio norte (onde o quecemento global se está manifestando cunha maior magnitude), está facendo que a fusión de xeo estacional no solo alcance cada vez unha maior profundidade. Dita circunstancia conleva a liberación á atmosfera de grandes cantidades de metano e CO2 .