vapor de auga
Gas traza incoloro que forma parte do aire e que desempeña un importante papel na dinámica atmosférica e no balance enerxético terrestre. Incorpórase á atmosfera principalmente a través da evaporación das grandes masas de auga que cobren a superficie terrestre, sendo tamén destacadas as achegas desde a vexetación (evapotranspiración) e, en menor medida, da cuberta nival e de xeo (sublimación). É o compoñente atmosférico que presenta unha distribución máis irregular, tanto espacial como temporalmente. A súa proporción no aire pode variar desde apenas un 0,4 % en volume en zonas desérticas, ata un 4 % nos bosques de brétema e nas selvas tropicais, diminuíndo de forma continua ao ascender pola atmosfera. Concéntrase principalmente na baixa e media troposfera. Ten unha gran capacidade para absorber radiación procedente do sol (onda curta) e da superficie terrestre (onda longa), o que o converte nun destacado gas de efecto invernadoiro e no principal regulador da temperatura a escala planetaria. A nivel popular, existe bastante confusión arredor da súa natureza, xa que está moi estendida a idea de que tanto as nubes, como o fume da auga quente, ou o alento que exhalamos pola boca os días fríos do inverno, son vapor de auga. En todos eses casos, o que se observa é o resultado dun cambio de fase de vapor a líquido, xa que todos eses elementos están constituídos por pingas de auga de tamaño microscópico, que xurdiron a partir da condensación do vapor de auga presente no aire. Do total de auga contida na atmosfera -en calquera dos seus tres estados-, o 96 % é vapor de auga, se ben, a vida media dunha molécula deste gas no medio atmosférico é de tan só dez días.
Termos relacionados: saturación