vagoada
Configuración isobárica, análoga ao suco ou seno de baixas presións en superficie, que se corresponde cunha rexión da atmosfera onde a presión é relativamente baixa, non estando asociada a unha circulación pechada. Do mesmo xeito que nun mapa topográfico unha vagoada é unha zona deprimida ou val, no caso que nos ocupa, o campo de presión adopta unha forma alongada similar. Nun mapa de altura presenta unha forma característica de V, coa concavidade dirixida cara a unha baixa. O seu eixe é a liña imaxinaria que une a súa parte convexa (o vértice da V) co centro da depresión, e adoita estar inclinado con respecto á dirección de desprazamento da propia vagoada. Conceptualmente, as vagoadas poden considerarse como grandes meandros de aire frío que se descolgan desde as rexións polares ata o ámbito subtropical, formando parte -o mesmo que as dorsais- das grandes ondas atmosféricas que rodean cada un dos hemisferios terrestres (onda de Rossby). Na parte dianteira da vagoada (zona de saída do aire frío) favorécese a cicloxénese, sendo unha zona de marcada inestabilidade atmosférica, onde tende a desenvolverse a convección, producíndose actividade tormentosa.