ozono
Gas traza presente na atmosfera, cuxas maiores concentracións se alcanzan entre os 20 e os 25 quilómetros de altitude (ozono estratosférico) e tamén en zonas urbanas e industriais (ozono troposférico). A nivel coloquial, adóitase falar de ozono bo e malo, respectivamente, debido ao papel -beneficioso ou prexudicial- que desempeña. A molécula de ozono é a forma triatómica do oxíxeno. É o resultado da unión dunha molécula de oxíxeno cun átomo libre do citado elemento. A súa fórmula química é O3 e entre as súas características destacan a súa cor azul e un intenso cheiro metálico, que se percibe moi ben cando hai unha tormenta con forte aparello eléctrico. Os raios no seu percorrido polo aire disocian moléculas de oxíxeno, quedando átomos libres dese elemento que, ao se unir con outras moléculas sen disociar, forman o ozono. Esa propiedade é a razón de ser do seu nome, xa que ten a súa orixe no termo grego ὂζειν (ozein ), que significa cheirar. Na troposfera, á parte de se formar espontaneamente, é un contaminante secundario xerado por reaccións fotoquímicas onde se combinan os NOx e os COV (compostos orgánicos volátiles) con oxíxeno. En elevadas concentracións, é prexudicial para a saúde, sendo un poderoso oxidante e actuando tamén como gas de efecto invernadoiro. O ozono estratosférico, situado principalmente na ozonosfera, xoga un importante papel no equilibrio radiativo da estratosfera, debido á súa gran capacidade de absorción da radiación ultravioleta procedente do sol. Forma unha especie de coiraza que impide a chegada á superficie terrestre da fracción máis enerxética e letal da citada radiación (tipos B e C), o que fai posible a vida na Terra.