lubricán

Crepúsculo matutino ou vespertino. Unha posible orixe etimolóxica é o termo latino lubricus , que podemos traducir como escorregadizo. No caso que nos ocupa, dá idea do carácter transitorio dese momento do día, que rapidamente se nos escapa das mans (en sentido figurado, enténdese). Tampouco se descarta que garde relación coa palabra lúgubre, dado o ambiente escuro e sombrío que caracteriza a transición entre o día e a noite. Unha terceira posibilidade é que teña a súa orixe nas palabras latinas lupus (lobo) e canis (can), xa que durante esa tenue claridade os cans ladran e os lobos oúlan. Tampouco hai luz suficiente para que os pastores poidan distinguir ben uns doutros.