lume de San Telmo
Meteoro eléctrico consistente nunha descarga luminosa de efecto corona e baixa intensidade, que emana de obxectos puntiagudos cando o aire está moi ionizado. O seu aspecto máis común é o dunha pequena chama azulada, adoptando ás veces unha tonalidade avermellada ou violácea. Adoita vir acompañado dun estalido. Fórmase sobre os cristais da cabina de voo, os bordos de ataque das ás e as hélices dun avión cando atravesa unha tormenta. Na superficie terrestre, aparece nos extremos de pararraios, antenas, chemineas, torretas de alta tensión e torres anemométricas. O lume de San Telmo xorde tamén no alto dos mastros dos barcos a vela, o que deu orixe a multitude de lendas mariñeiras. Considerado, historicamente, como un mal presaxio por parte da xente do mar, tamén existe a crenza contraria, xa que a súa aparición comezou a interpretarse como un sinal do santo protector que dá nome ao fenómeno, o que indicaría que o peor da tormenta queda atrás. O citado santo foi Erasmo de Formia (†303), convertido tras a súa morte en san Elmo -o noso san Telmo-. É o patrón de mariñeiros e violinistas.