lúa azul
Nome que dan os anglosaxóns á segunda lúa chea que ten lugar nun mesmo mes, o que ocorre cada dous anos e medio, en promedio. Tamén recibe esta denominación a lúa de cor azulada ou esverdeada que se observa cando ten lugar na Terra unha grande erupción volcánica. A inxección de enormes cantidades de partículas moi finas á alta atmosfera atenúa a fracción da luz lunar de lonxitudes de onda maiores (vermello, laranxa, amarelo), potenciándose as cores das menores (verde, azul, violeta). É un fenómeno óptico similar ao observado no fume dun cigarro, cuxa cor azulada é consecuencia da dispersión selectiva da luz reflectida polas partículas que forman o citado fume.