efecto foehn
Fenómeno de orixe termodinámica que dá lugar a un vento moi cálido, seco e turbulento, como resultado do quecemento adiabático ao que se ve sometida unha masa de aire tras atravesar unha cordilleira e descender a sotavento, desde os cumios das montañas ata o fondo dos vales, onde o efecto se percibe de forma máis acusada. O aire orixinalmente é húmido e a súa temperatura é sensiblemente inferior á que termina tendo tras atravesar o obstáculo montañoso. A barlovento del, ao verse forzado a ascender, o aire arrefríase progresivamente, perdendo gran parte do seu contido de vapor de auga no tramo superior da montaña, debido á formación de nubes e de precipitacións orográficas. Nese ascenso, a taxa de arrefriamento do aire é maior que a do quecemento que experimenta, por compresión adiabática, ao precipitarse ladeira abaixo, a sotavento. O resultado é un vento recalentado e seco, que provoca un notable ascenso da temperatura nas zonas onde irrompe, facéndoo, ademais, de forma brusca e impetuosa, con rachas violentas. A palabra foehn é unha variante do termo alemán föhn, con orixe no vocábulo latino favonius , que é o nome dado na mitoloxía romana ao vento suave do oeste. O efecto foehn empezou a estudarse en Suíza, onde periodicamente se dan episodios de altas temperaturas como consecuencia do fenómeno descrito, mesmo en pleno inverno, baixo un réxime de ventos (inicialmente fríos) do norte. O efecto foehn adquire especial relevancia naqueles lugares do mundo onde hai dispostas cordilleiras perpendiculares ao fluxo dominante.