efecto Fujiwhara
Interacción entre dous ciclóns tropicais que ten lugar cando a distancia entre eles é inferior a uns 1500 quilómetros. Baixo tales circunstancias, ambos os sistemas comezan a describir unha especie de danza, posta de manifesto nas secuencias de imaxes de satélite. Se os dous ciclóns tropicais teñen tamaños comparables, comezan a orbitar arredor do punto intermedio da liña imaxinaria que une os seus centros. Se un dos ciclóns é significativamente maior que o outro, este último comeza a orbitar arredor do primeiro, sendo finalmente absorbido por el e formándose un único sistema. O fenómeno leva ese nome en honra ao meteorólogo xaponés Sakuhei Fujiwhara (1884-1950), que a principios da década de 1920 o describiu, tras observalo nuns experimentos que levou a cabo con dous vórtices ciclónicos de auga.