efecto de Coriolis
Nun sistema de referencia en rotación, é o efecto que induce a propia rotación sobre calquera obxecto en movemento. Chámase así en honra ao enxeñeiro e matemático francés Gaspard-Gustave de Coriolis (1792-1843), que foi o primeiro en describilo matematicamente, nun artigo publicado en 1835. Na Terra, o efecto de Coriolis tende a desviar a traxectoria dos obxectos que se desprazan sobre a súa superficie, así como a dos propios fluídos xeofísicos, tanto a auga como o aire. Esa desviación é cara á dereita no hemisferio norte e cara á esquerda no sur. Calquera volume de aire que se despraza na atmosfera vese sometido a este efecto, o que provoca sobre el unha forza ficticia ou aparente, que se suma ás forzas que actúan sobre o aire, como a debida ao gradiente horizontal de presión, o rozamento ou a forza centrífuga, que só entra en escena cando as traxectorias son circulares.
Termos relacionados: forza de Coriolis
Tamén coñecido como: aceleración de Coriolis