foehn
Variante do termo alemán föhn que, do mesmo xeito que el, dá nome a un coñecido efecto moi estudado en Meteoroloxía, así como ao vento catabático recalentado, seco e turbulento asociado a el. A primeira explicación científica satisfactoria do fenómeno remóntase ao ano 1866 e débese ao meteorólogo austríaco Julius von Hann (1839-1921), que o estudou en detalle nos Alpes. Ata ese momento, tíñase a falsa crenza de que a súa orixe era sahariana. O foehn non é exclusivo da rexión alpina, e prodúcese tamén en moitas outras rexións montañosas do mundo. Dependendo do lugar, recibe distintas denominacións locais, tales como poniente (litoral mediterráneo español), chinook (Montañas Rochosas), zonda (Arxentina) ou Canterbury North western (Nova Celandia), entre outras.
Termos relacionados: efecto foehn, föhn