tornado

Columna de aire en rotación de aspecto similar a un funil, dotada dunha gran velocidade angular, que se descolga dunha nube de desenvolvemento vertical (na maioría dos casos dun cumulonimbo asociado a unha supercélula tormentosa) e alcanza a superficie terrestre. É visible grazas ao funil de condensación (que non sempre alcanza o chan) e ao po e a infinidade de obxectos que vai succionando ao seu paso e que previamente arrinca de raíz. É o fenómeno meteorolóxico de microescala máis violento de todos os que se forman na Terra; o que concentra en menor espazo unha maior cantidade de enerxía. A presión no seu interior estímase que é entre 100 e 200 hPa menor que fóra del. Tanto o seu tamaño como a súa duración son moi variables. O seu diámetro pode oscilar desde uns poucos metros (microtornado) ata varios quilómetros, nos casos máis excepcionais. O diámetro típico é da orde do centenar de metros. A súa duración é curta; desde apenas uns segundos ata unha hora. Os refachos de vento que xera ao seu redor son extraordinarios; nos máis intensos da orde dos 500 km/h, o que provoca unha devastación total en toda a franxa de terreo que vai percorrendo (distancias de entre apenas uns centenares de metros e varios centenares de quilómetros nalgúns casos). A súa velocidade de desprazamento típica está comprendida entre os 50 e os 80 km/h. Á parte dos ventos que xera o tornado ao seu paso, as tormentas multicelulares e supercélulas dos que se descolgan moitos deles, dan lugar a violentas chuvascadas, pedrazo e forte aparato eléctrico. Ocasionalmente, fórmanse os chamados tornados multivórtice, cuxa principal singularidade é que presentan simultaneamente dous ou máis funís de condensación e/ou nubes de restos (po, pólas, táboas de madeira fendidas…).