rosa dos ventos

Diagrama en forma de estrela onde se representan as frecuencias relativas das diferentes direccións do vento medido nunha estación ou observatorio meteorolóxico nun determinado período de tempo. Tamén se poden representar as frecuencias de diferentes rangos de velocidade agrupadas segundo as distintas direccións. A porcentaxe correspondente ás calmas anótase nun círculo debuxado no centro da rosa. Desde moito antes de comezar a medirse o vento con instrumentos, estableceuse as primeiras rosas cos rumbos dos ventos principais, destinadas principalmente para axudar aos navegantes a orientarse no mar. As rosas dos ventos da Antigüidade aparecen en distintas culturas, gañando en sofisticación co paso do tempo. Na época clásica, o poeta grego Homero (século viii a. C.), fai referencia en A Odisea a unha rosa de catro ventos principais (Bóreas, Euro, Noto e Céfiro), dispostos segundo os catro puntos cardinais. O filósofo Aristóteles (século iv a. C.) establece unha rosa de 8 rumbos, Timosteno (século iii a. C) unha de 12 e o arquitecto romano Vitruvio (século i a. C) unha de 24. A rosa de 32 rumbos, usada na actualidade, representouse por primeira vez nun mapamundi medieval que se atribúe ao xeógrafo e cartógrafo mallorquín Abraham Cresques (século xiv), aínda que algunhas fontes atribúen a súa invención ao tamén mallorquín Raimundo Lulio (h. 1232-1315 ou 1316). A citada rosa dos ventos de 32 rumbos inclúe 8 ventos principais (catro marcan os puntos cardinais e outros catro son os ventos laterais), 8 ventos medios (colaterais) e 16 cuartos de vento (cuartas).

Termos relacionados: dirección do vento