río atmosférico

Especie de corredor, relativamente estreito, que discorre pola parte baixa da atmosfera e que transporta unha gran cantidade de vapor de auga desde o ámbito tropical e subtropical ata latitudes medias e altas. É un termo bastante recente, xa que non foi acuñado ata principios da década de 1990, nos EE UU. Os ríos atmosféricos teñen unha anchura dalgúns centos de quilómetros e varios miles de lonxitude. Desempeñan un importante papel no ciclo hidrolóxico, xa que son o principal mecanismo de transporte horizontal de vapor de auga na atmosfera. De media, hai da orde dunha decena deles simultaneamente na Terra, cada un dos cales despraza unha cantidade de auga (en estado gasoso) maior que o caudal do río Amazonas. Están asociados ás correntes en chorro de baixos niveis que xorden diante das frontes frías e as borrascas de latitudes medias, sendo potencialmente precursores e xeradores de choivas intensas e persistentes en zonas continentais expostas a eles, tales como a costa oeste dos EE UU, a fachada atlántica de Europa e do norte de África. As choivas ligadas a eles e amplificadas polo forzamento orográfico das montañas culminan, ás veces, en inundacións catastróficas.