ciclón tropical
Como o seu propio nome indica, é o ciclón que se forma no ámbito tropical, aínda que só recibe este nome o sistema ciclónico o suficientemente desenvolvido para adquirir unhas características singulares que o distingan da depresión tropical e a tormenta tropical. Este par de sistemas de baixa presión son tamén ciclóns, pero non alcanzan o estatus de ciclón tropical. É moi común usar o termo furacán como sinónimo de ciclón tropical, pero só deben nomearse así os que se forman na franxa tropical da conca do Atlántico e na parte oriental da do Pacífico. Os formados no resto de concas oceánicas reciben outros nomes xenéricos (tifóns, ciclóns), á parte dalgúns localismos. O ciclón tropical fórmase sempre sobre augas cálidas situadas entre os dous trópicos ou, de forma esporádica, no ámbito subtropical. Alcanza varios centos de quilómetros de diámetro, variando moito o seu tamaño duns a outros. Visto dende satélite, adopta unha forma en espiral moi característica, cunha zona central libre de nubes, denominada «ollo», dalgunhas decenas de quilómetros de diámetro, onde a presión atmosférica alcanza o valor máis baixo (inferior aos 900 hPa en moitos casos) e os ventos son frouxos. O ollo está rodeado dun primeiro anel de grandes cumulonimbos, que forman unha grosa parede nubosa na que se producen chuvias torrenciais. A ese primeiro anel séguenlle outros, separados entre si por corredores concéntricos nos que sopran ventos sostidos moi intensos. Os maiores refachos alcánzanse na parte externa das paredes do ollo. En toda esa zona exterior hai un forte aparato eléctrico. En función da intensidade dos ventos sostidos que xere un ciclón tropical, asígnaselle unha categoría de cinco posibles. A condición de furacán alcánzase cando a intensidade deses ventos é igual ou superior a 119 km/h (escala de Saffir-Simpson).