dióxido de carbono (CO2)
Un dos gases traza presentes na atmosfera, cuxa orixe é tanto natural como debida á combustión de combustibles fósiles, ricos en carbono -tales como o petróleo, o carbón mineral ou o gas natural-, a queima de biomasa, así como os cambios do uso do solo e algunhas actividades industriais. É o principal gas de efecto invernadoiro de orixe antrópica, cuxa concentración na atmosfera foi aumentando de forma moi destacada desde mediados do século pasado, en paralelo a como o fixeron as emisións xeradas polas nosas actividades. A finais da segunda década do século xxi alcanza as 415 partes por millón en volume. É un gas incolor, inodoro e cun sabor lixeiramente ácido, que en elevadas concentracións produce asfixia. Non é inflamable e é soluble en auga. O seu tempo de residencia na atmosfera oscila entre os 5 e os 200 anos. Non se pode establecer un só, debido á complexidade do ciclo do carbono, existindo diferentes taxas de absorción do gas ligadas a distintos procesos naturais de eliminación. A súa fórmula química é CO2 e coñécese tamén como anhídrido carbónico ou polo arcaísmo bióxido de carbono, xa en desuso. Nos estudos de cambio climático emprégase o concepto de «dióxido de carbono equivalente», que se define como a cantidade de CO2 que se necesitaría para exercer o mesmo forzamento radiativo (quecemento) que produce un gas de efecto invernadoiro determinado ou unha mestura de varios deses gases.
Termos relacionados: quecemento global, efecto invernadoiro, cambio climático