cambio climático
O uso máis común que se lle dá a esta expresión fai referencia aos cambios que están a ter lugar no clima terrestre como consecuencia -en grande medida- das actividades humanas ligadas á emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro, procedentes da queima masiva de combustibles fósiles. O quecemento global observado é a manifestación máis clara do cambio climático actual (implicitamente antropoxénico). En sentido máis amplo, o termo alude a calquera forma de inconstancia climática, independentemente das súas causas físicas. Tendo en conta que o clima terrestre é cambiante por natureza, cando dentro da súa variabilidade natural se detectan tendencias estatisticamente significativas (en prazos de tempo o suficientemente longos), pódese falar, con propiedade, dun cambio climático. Ao longo da historia da Terra ocorreron moitos, de diferente signo e magnitude, aínda que a singularidade do actual é que non se pode atribuír exclusivamente a causas naturais.
Termos relacionados: dióxido de carbono (CO2), efecto invernadoiro