efecto invernadoiro
Quecemento da baixa atmosfera debido á absorción neta de radiación terrestre infravermella (de onda longa) por parte dos seus compoñentes, tanto gases como aerosois. Aínda que na Terra hai un efecto invernadoiro natural -algo extensible ás atmosferas doutros planetas-, no contexto de cambio climático actual, a expresión refírese ao quecemento extra debido ao aumento que veñen experimentando as concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera -co CO2 á cabeza-, como consecuencia da combustión masiva de combustibles fósiles e biomasa por parte dos seres humanos. O forzamento radiactivo inducido por iso provocou un aumento da temperatura media global a nivel da superficie terrestre, que aínda non tocou teito. O matemático e físico francés Jean-Baptiste Joseph Fourier (1768-1830) foi o primeiro científico que considerou -en 1824- que a Terra retiña calor de maneira similar a como o fai un invernadoiro. Esa analoxía non é do todo acertada, xa que os cristais do invernadoiro son transparentes á radiación solar (de onda curta), pero opacos á infravermella (de onda curta) que se xera no seu interior -o que provoca o aumento da temperatura-, mentres que no caso da atmosfera, só unha parte da radiación terrestre (infravermella, de onda curta) é retida polos gases de efecto invernadoiro, escapando o resto ao espazo exterior.
Termos relacionados: cambio climático, dióxido de carbono (CO2), gases de efecto invernadoiro