efecto bolboreta

Comportamento dun sistema dinámico non lineal (caótico) como a atmosfera, que pon de manifesto a gran dependencia que ten a súa evolución das condicións iniciais. Descuberto de forma casual, a principios da década de 1960, polo meteorólogo e profesor do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, en EE UU, Edward Norton Lorenz (1917-2008), deuno a coñecer nun artigo -publicado en 1963- que apenas trascendeu fóra do ámbito meteorolóxico. O recoñecemento mundial chegoulle en decembro de 1972, a raíz dunha conferencia que impartiu no congreso dese ano da AAAS (Asociación Estadounidense para o Avance da Ciencia), titulada: «¿O aleteo dunha bolboreta en Brasil pode orixinar un tornado en Texas?». Lorenz descubrira como a atmosfera é un sistema gobernado polas leis do caos, de aí que non sexamos capaces de predicir o seu comportamento futuro con total exactitude. A nosa incapacidade para establecer con absoluta precisión un estado inicial atmosférico, establece un límite á predicibilidade do sistema. A expresión popularizouse e úsase para indicar que todo está interrelacionado: algo que ocorra nun determinado momento e lugar pode provocar algo moi diferente e inesperado lonxe de alí.