temperatura

Magnitude física que, aplicada ao aire e en primeira aproximación, podemos definir como o grao de axitación das moléculas dos gases que o compoñen, de tal forma que canto máis quente estea o aire, máis mobilidade terán as súas moléculas e, en consecuencia, maior será a súa temperatura. Co frío ocorre o contrario; a axitación molecular é menor. A anterior definición -baseada na teoría cinética dos gases- só é aplicable a un gas ideal, e o aire unicamente podemos consideralo como tal baixo determinados supostos, polo que, en sentido estrito, é máis axeitado definir a temperatura como a magnitude física de dous sistemas ou corpos en contacto entre si (o aire e o termómetro, no caso que nos ocupa), cuxa igualdade de valores garante un equilibrio térmico entre eles. A temperatura do aire obtense directamente da lectura dun termómetro exposto a devandito elemento no interior dunha garita meteorolóxica, o que garante a validez do dato, xa que, procedendo desta maneira, evítanse sobrequecementos indesexables que poidan falsear a medida. No Sistema Internacional de Unidades, a temperatura exprésase en graos Kelvin (K), aínda que en Meteoroloxía emprégase habitualmente a escala centígrada, cuxa unidade é o grao Celsius (ºC). Nos EUA segue vixente entre a poboación a escala de temperatura Fahrenheit (ºF), tendo deixado de usarse no resto de países anglosaxóns.