escala centígrada
Escala de temperatura de uso cotián, proposta polo físico sueco Anders Celsius (1701-1744) en 1742, que asigna o valor cero (t = 0 ºC) ao punto de fusión do xeo e o cen (t = 100 ºC) ao de ebulición da auga, baixo condicións normais de presión en ambos os casos. O rango de temperaturas considerado abarca un total de cen graos na escala, de aí o seu nome. Aínda que é común referirse aos graos centígrados, a unidade nesta escala termométrica é o grao Celsius (ºC) e así deben expresarse os valores de temperatura. A equivalencia entre esta escala e a absoluta ou Kelvin vén dada pola relación: t (ºC) = T (K) – 273,15. Tamén se coñece como escala Celsius, en memoria do seu inventor. Como anécdota cabe sinalar que Celsius, na súa escala orixinal, asignou o 0 ao punto de ebulición da auga e o 100 ao de conxelación. Posteriormente, na escala centígrada que empezou a usarse, inverteuse a orde dese par de valores de referencia.
Termos relacionados: temperatura