escala Kelvin
Escala termodinámica de temperatura que parte dun valor mínimo teórico, coñecido como cero absoluto, que marca a ausencia total de enerxía e, en consecuencia, de movemento (nula axitación molecular). A unidade de temperatura nesta escala é o kelvin (K), que é unha das unidades básicas do Sistema Internacional. Recibe o seu nome en honra ao físico e matemático británico William Thomson (1824-1907), coñecido como Lord Kelvin, grazas ao seu título nobiliario. En 1848, suxeriu que era necesario dispor dunha escala termométrica absoluta, que partise do valor máis baixo de temperatura capaz de alcanzarse na natureza. Na escala Kelvin (nome co que tamén se coñece), ao punto triplo da auga pura asígnaselle unha temperatura de 273,16 K (equivalente a 0,01 ºC), mentres que o citado cero absoluto (0 K) equivale a –273,15 ºC. Existe unha relación lineal entre esta escala e a centígrada, de xeito que unha variación dun kelvin (K) é equivalente á dun grao Celsius (ºC). Convén tamén precisar que o kelvin non debe expresarse co símbolo dos graos (°), cousa que si hai que facer coas medidas termométricas na escala centígrada ou a Fahrenheit.
Termos relacionados: temperatura
Tamén coñecido como: escala absoluta de temperatura