termómetro
Instrumento meteorolóxico que permite medir a temperatura do aire. Hainos de distintos tipos, todos eles baseados na variación dalgunha propiedade física que experimentan determinadas substancias en equilibrio térmico co aire, ao variar o estado termodinámico deste. Os termómetros tradicionais conteñen un líquido (mercurio ou alcohol) no interior dun tubo capilar de vidro conectado a un pequeno depósito ou bulbo. As variacións de temperatura do aire provocan expansións ou contraccións do líquido, coas conseguintes subidas ou baixadas do mesmo polo tubiño. Grazas á escala graduada que leva incorporada, pódese efectuar unha lectura directa dos graos que alcanza a temperatura do aire que rodea o instrumento. Nos observatorios meteorolóxicos hai unha gran variedade de termómetros, algúns dos cales -como os de máxima e mínima, ou os que compoñen o psicrómetro (o termómetro seco e o húmido)- empréganse con fins específicos. O uso do termómetro de mercurio queda restrinxido a rexións onde o frío non é extremo, xa que ese líquido comeza a conxelarse por baixo de –38,8 ºC e hai lugares da Terra onde o aire está a menor temperatura con relativa frecuencia. Para solucionar ese problema, nos observatorios meteorolóxicos das rexións máis frías utilízanse termómetros de alcohol. Conteñen habitualmente etanol (alcohol etílico), cuxo punto de conxelación é de –114 ºC. Á parte dos termómetros de mercurio e alcohol, tamén se usan outros como o de lámina bimetálica, o de resistencia, ou os dixitais, que integran sensores baseados nos mesmos fundamentos que algúns dos mencionados e que, grazas a un circuíto electrónico, converten as variacións de temperatura nunha sinal que se pode visualizar como díxitos nunha pantalla de cristal líquido.
Termos relacionados: temperatura