Terra branca

Teoría que postula a existencia de varios períodos de tempo, nun pasado remoto, nos que a Terra estivo cuberta de xeo na súa totalidade. A hipótese -tamén coñecida como Terra branca- foi proposta en 1998 polos investigadores da Universidade de Harvard (EE UU) Paul Hoffmann e Daniel Schrag, para o cal se basearon no descubrimento de vestixios de xeo en determinados estratos xeolóxicos, correspondentes ao final do eón Proterozoico (Precámbrico superior). Eses restos de xeo primitivo atopáronse por todo o planeta, o que suxire que tanto as zonas continentais como as oceánicas de toda a Terra (incluída a franxa ecuatorial) quedaron cubertas por unha grosa capa de xeo, o que puido facer descender a temperatura media global ata os –50 ºC. Chegáronse a datar varias desas superglaciacións ao longo dun período comprendido entre os 800 e os 550 millóns de anos antes do presente.

Tamén coñecido como: terra bola de neve