nitróxeno

Compoñente principal da mestura gasosa que forma o aire, estando presente nela na súa forma molecular (N2 ). É, con diferenza, o elemento máis abundante na atmosfera terrestre, ocupando un 78,084 % do seu volume. É un gas incolor, inodoro, insípido e inerte, fundamental para a vida na Terra, dado o importante papel que desempeña nos procesos biolóxicos. O chamado ciclo do nitróxeno é o encargado de regular os intercambios deste gas atmosférico cos seres vivos. Ao non ser un gas quimicamente reactivo, o ciclo só é posible grazas ao papel que desempeñan determinadas bacterias, capaces de sintetizar compostos nitroxenados a partir do nitróxeno que toman do aire, dando lugar ao proceso coñecido como fixación do nitróxeno. O químico, médico e botánico escocés Daniel Rutherford (1749-1819) foi o primeiro en desvelar a existencia deste gas, en 1772. Chamouno «aire flogisticado», en alusión ao flogisto; unha substancia que naquela época se supoñía que era responsable da inflamabilidade das cousas. Posteriormente, o químico francés Antoine-Laurent de Lavoisier (1743-1794) referiuse a el como azote , un termo que deriva do vocábulo grego ζωή (vida), precedido do prefixo (a letra «a» -alfa no alfabeto grego- privativa), e que significa «sen vida» ou inerte, ao ser esa a principal característica do nitróxeno. O termo traduciuse ao español como ázoe, aínda que esta denominación xa caeu en desuso.