corrente en chorro (jet stream)
Intensa e estreita corrente de aire que discorre ao longo dun eixe case horizontal nas proximidades da tropopausa. Na súa parte central acada a velocidade máxima do vento, nunca inferior aos 110 km/h e superando con frecuencia os 200 km/h. As correntes en chorro poden chegar a acadar varios miles de quilómetros de lonxitude e adoitan adoptar unha forma sinusoidal. A súa anchura é de varios centos de quilómetros e o espesor de algúns quilómetros. Arredor do seu núcleo hai unha forte cizalladura horizontal e vertical de vento, o que xera áreas de forte turbulencia. Os avións comerciais conseguen aforrar combustible e acurtar a duración das súas viaxes ao voar, con vento a favor, no núcleo do chorro. A única precaución que deben tomar os pilotos é a de penetrar nesa parte central evitando o paso polas zonas periféricas onde a turbulencia é perigosa. Para iso, confecciónanse a diario uns mapas con información moi precisa sobre a posición e a altitude que previsiblemente ocuparán as distintas correntes en chorro en ruta. A súa posición e orientación varía dun día para outro. Ocasionalmente, xorde algunha destas correntes máis abaixo na atmosfera (chorro de baixos niveis). Na Terra existen cinco correntes en chorro principais. Debido á simetría esférica do noso planeta, en cada hemisferio terrestre hai un chorro polar e un subtropical (ambos os dous do oeste), mentres que no ecuador discorre unha corrente en chorro en sentido contrario (do leste). Tanto no Ártico como na Antártida xorden ás veces os chamados chorros estratosféricos. As correntes en chorro foron descubertas polo meteorólogo xaponés Wasaburo Oishi (1874-1950) en 1926, aínda que a primeira referencia científica é posterior; debida ao meteorólogo alemán Heinrich Seilkopf (1895-1968), que en 1939 utilizou a expresión strahlströmung («corrente en chorro») para referirse a elas. Tamén se empregan as formas abreviadas chorro e jet (de jet stream ).