Corrente do Golfo
Corrente oceánica superficial de auga cálida, relativamente estreita e rápida, que discorre polo Atlántico Norte. Despraza unha gran cantidade de auga, cun caudal estimado de 80 millóns de metros cúbicos por segundo, e unha velocidade de 2 m/s (uns 7 km/h). Orixínase no estreito de Florida e discorre -no seu tramo inicial- paralela á costa leste dos EE UU, para comezar a adentrarse no océano Atlántico a partir do cabo Hatteras, en Carolina do Norte, en dirección a Europa. Aproximadamente a 40ºN e 40ºO divídese en varios ramais (correntes de menor magnitude), ao interactuar coa corrente fría do Labrador. A Corrente do Golfo exerce unha marcada influencia no clima da fachada atlántica do continente europeo, debido ao seu efecto atemperador.