glaciación
Período de entre 40000 e 100000 anos de duración no que as masas de xeo e neve dos casquetes polares se expanden cara a latitudes máis baixas, cubrindo unha parte significativamente grande da superficie terrestre. É equivalente a un período glacial ou a unha idade de xeo, aínda que existe bastante confusión coa nomenclatura empregada para identificar os distintos períodos fríos tipificados (Era glacial). Durante o Cuaternario -período xeolóxico iniciado hai 2,59 millóns de anos- vense producindo unha alternancia de glaciacións e períodos interglaciais, o último dos cales estamos vivindo na actualidade. A entrada en escena dunha glaciación obedece á combinación de determinados factores astronómicos ligados aos cambios cíclicos nunha serie de parámetros orbitais terrestres (excentricidade da órbita, inclinación do eixe, precesión dos equinoccios), á parte da actividade solar, o que fai que haxa épocas nas que a Terra recibe unha cantidade menor de enerxía procedente do sol, co conseguinte arrefriamento. O xeofísico, matemático e enxeñeiro serbio Milutin Milankovi (1879-1958) deu a coñecer unha exitosa teoría que explica as glaciacións cuaternarias en termos desas variacións orbitais, coñecidas na súa honra como ciclos de Milankovi.
Tamén coñecido como: período glacial, idade do xeo