balance enerxético terrestre
Equilibrio entre o fluxo de enerxía radiante que recibe a Terra e o que devolve ao espazo. En promedio global e para un período de tempo suficientemente longo, o balance debe ser nulo, o que garante as condicións de habitabilidade do planeta. A existencia dese equilibrio entre a enerxía entrante e a saínte implica que a radiación solar (de onda curta) que absorbe a Terra debe ser igual á suma da fracción desta que é directamente reflectida, máis a radiación terrestre (radiación infravermella de onda longa) emitida polo noso planeta. En números redondos, se ao tope da atmosfera chegan 100 unidades de enerxía (equivalentes aos 342 W/m2 do fluxo solar incidente), 50 unidades son absorbidas pola superficie terrestre, 20 pola citada atmosfera e as 30 restantes son devoltas ao espazo, o que constitúe o albedo planetario. O actual cambio climático está desequilibrando a balanza entre o que entra e o que sae, xa que, ao estar aumentando a concentración dos gases de efecto invernadoiro na atmosfera, o medio atmosférico está a absorber máis radiación infravermella terrestre, deixando escapar unha fracción menor ao espazo. A consecuencia diso é o quecemento global observado.