smog
Néboa suxa que se forma en contornas urbanas e industriais, nas que a contaminación atmosférica é alta. O termo xorde da unión das palabras inglesas smoke (fume) e fog (néboa) e así se coñece internacionalmente, aínda que existen as formas en castelán esmog e neblumo (esta última pouco usada). O smog que afecta as grandes cidades está provocado principalmente polo tráfico e coñécese como smog fotoquímico. A combustión de hidrocarburos nos vehículos a motor emite ao aire monóxido de carbono e óxidos de nitróxeno (NOx ) (NO como contaminante primario e NO2 como secundario, formándose a partir del ao combinarse con osíxeno), entre outros gases, á parte de diversos compostos orgánicos volátiles que tamén se incorporan á atmosfera. En presenza de radiación solar, prodúcense unha serie de reaccións fotoquímicas que forman grandes cantidades de novas substancias nocivas (contaminantes secundarios) como o ozono, o que vai enturbando o ambiente, reducindo a visibilidade e formando unha especie de boina (así se chama) de aspecto pardusco que cobre toda a cidade. A súa presenza irrita os ollos e as vías respiratorias, provocando en moitas persoas enfermidades como a rinite, bronquite, a asma ou a pneumonía. As situacións anticiclónicas persistentes, particularmente no inverno, con presenza dunha inversión térmica, nas que a insolación é alta e apenas sopra vento, favorecen a formación e o progresivo aumento do smog fotoquímico. Hai outro tipo de smog que é o industrial -tamén coñecido como smog gris ou sulfuroso-, debido ás emisións de partículas e gases contaminantes orixinadas polas actividades industriais. A queima de carbón en fábricas, centrais térmicas e algunhas cidades é a principal fonte de emisión ao aire de fuligue e dióxido de xofre (e a partir del, outras substancias como o ácido sulfúrico e distintos sulfatos) que ao incorporarse ás pinguiñas de auga dunha néboa dan como resultado o citado smog industrial, moi contaminante.
Termos relacionados: contaminación atmosférica