ionosfera
Rexión da atmosfera que se estende, aproximadamente, desde os 60-80 ata os 500-1000 km de altitude, na que o aire está ionizado, de xeito que discorren nela ións positivos e electróns libres, o que fai que se comporte como un condutor eléctrico. A densidade iónica é o suficientemente grande para que poidan reflectirse nela as ondas de radio de determinado rango de frecuencias. Tamén causa interferencias nos sinais que envían a terra os satélites artificiais. En latitudes medias, a ionización nesta rexión atmosférica débese principalmente á absorción de determinadas bandas do UV e de raios X da radiación solar, mentres que en latitudes altas está principalmente provocada polas partículas moi enerxéticas que transporta o vento solar e que o campo magnético terrestre desvía cara aos polos. A ionosfera presenta unha división en tres capas, coñecidas polas iniciais D, E e F. A capa D só é diúrna e é a máis baixa de todas, podendo comezar a manifestarse a partir dos 60 km de altitude. Por riba dela sitúase a capa E e máis arriba a F, que se desdobra en dúas subcapas (F1 e F2 ) de espesor variable, en función de que sexa de día ou de noite. As principais características de cada unha das capas ionosféricas veñen descritas en detalle nas entradas correspondentes do presente dicionario.
Termos relacionados: capa D