térmica
Corrente de aire ascendente de escala local que se produce sobre unha superficie que está máis quente que a súa contorna. Os diferentes tipos de solo (area, rochas, céspede…) transfiren ao aire en contacto con eles distintas cantidades de calor. Nas zonas do terreo que se quentan máis, o aire adquire unha maior temperatura e vólvese máis lixeiro (menor densidade). Vese entón sometido a un maior empuxe hidrostático cara arriba, que culmina coa formación das térmicas. A súa presenza delátana os voos en círculos das aves rapaces, que actuando así conseguen sustentarse no aire case sen esforzo. É a mesma técnica que empregan os practicantes de voo sen motor cos seus veleiros, ou os de ala delta e parapente. Se o aire que ascende nunha térmica alcanza o nivel de condensación, comeza a formarse un pequeno cúmulo, cuxo desenvolvemento vertical posterior virá ditado, en boa medida, polo grao de estabilidade/inestabilidade atmosférica.
Termos relacionados: convección