presión atmosférica
Presión que exerce a atmosfera sobre calquera superficie en función do seu peso. Para un punto calquera da superficie terrestre, dita presión equivale ao peso da columna de aire, de sección transversal unitaria, que se estende ata o tope da atmosfera e que a efectos prácticos pode situarse a 300 quilómetros de altitude (exosfera). A masa de todo o aire contido na citada columna atmosférica -supoñendo que ten un metro cadrado de base- ronda os 10000 quilogramos. A razón pola que non morremos esmagados ao estar á intemperie reside no feito de que o aire que temos sobre as nosas cabezas non só exerce unha presión cara abaixo, senón en todas as direccións -en calquera dos niveis de atmosfera que consideremos-. No Sistema Internacional de Unidades, a presión atmosférica exprésase en hectopascais (hPa). Esta unidade é equivalente ao milibar, cada vez menos usado. Tamén é común expresala en milímetros ou en polgadas de mercurio (unha polgada [in] é igual a 25,4 milímetros [= 0,0254 m]), unidades ligadas á medida desta variable nos barómetros do citado líquido. En homenaxe ao inventor do instrumento -Evangelista Torricelli (1608-1647)-, a presión correspondente a un milímetro de mercurio (mmHg) é, por definición, igual a 1 torr.
Termos relacionados: bar, milibar, barógrafo, pantano barométrico