masa de aire

Volume extenso de aire cuxas propiedades físicas son aproximadamente homoxéneas, sen grandes diferenzas de temperatura e humidade en calquera plano horizontal que se considere. As masas de aire cobren áreas de varios millóns de quilómetros cadrados de extensión, tendo unhas dimensións horizontais da orde do millar de quilómetros e uns espesores de entre 3 e 5 quilómetros. A súa homoxeneidade é consecuencia do tempo prolongado que permanecen estáticas sobre unha rexión terrestre (zona ou rexión fonte) sobre a que persiste un anticiclón, de xeito que o aire vai adquirindo unhas características propias. Calquera masa de aire, na medida en que vai desprazándose pola superficie terrestre e se afasta da rexión fonte onde se orixinou, vai vendo modificadas as súas propiedades, estando sometida a unha progresiva desnaturalización. O concepto de masa de aire foi incorporado ao argot meteorolóxico na década de 1920, grazas aos traballos dos meteorólogos da Escola de Bergen; en particular, a teoría da fronte polar. As masas de aire clasifícanse en función da súa temperatura (ártica/antártica, polar, tropical, ecuatorial) e o seu contido de humidade (continental ou marítima), exprésandose cada unha delas mediante un código identificativo de dúas letras.