arco da vella

Trátase, sen dúbida, do fenómeno óptico máis coñecido e máis espectacular de todos os que acontecen na atmosfera. Podemos escribilo indistintamente como arco iris ou arcoíris, aínda que en galego a forma tradicional é arco da vella. O nome do fenómeno alude á deusa Iris, considerada na Antiga Grecia como a mensaxeira dos deuses. As súas idas e vindas entre o Olimpo -a morada dos deuses- e o mundo terreal -onde vivimos os seres humanos- queda ben reflectido no arco da vella e a súa aparente conexión entre o ceo e a terra. Podemos defini­lo como unha gran banda luminosa semicircular, ou unha fracción dela, formada por un conxunto de arcos concéntricos, solapados entre si, que despregan as cores do espectro visible da luz. A cor vermella aparece no bordo superior do arco da vella e a violeta no inferior. Esta descrición correspóndese coa do arco da vella primario ou principal, pero, ás veces, poden verse tamén o arco da vella secundario e os arcos supernumerarios. A aparición de todos eles obedece aos fenómenos de refracción, reflexión, difracción e interferencia da luz ao atravesar unha cortina de pingas de choiva iluminadas polo sol ou a lúa. Aínda que é común referirse ás sete cores do arco da vella, en realidade a banda multicolor está formada por un continuum , polo que esa división é arbitraria.