El Niño

Fase negativa do fenómeno climático ENSO, cuxa principal manifestación é un quecemento anómalo das augas superficiais da parte oriental do Pacífico ecuatorial, o que ocorre de forma cíclica, aínda que errática, en períodos que oscilan entre os 3 e os 8 anos. A entrada en escena de El Niño altera tanto os patróns meteorolóxicos como os oceánicos a ambos os dous lados da conca do Pacífico, con importantes anomalías nas correntes mariñas e atmosféricas. O seu sinal tamén se detecta noutras zonas terrestres máis afastadas, sendo varias as teleconexións ben establecidas. El Niño exprésase así, en español, no vocabulario meteorolóxico internacional. Alude ao Neno Xesús ou Neno Deus -principal protagonista do Nadal cristián-, xa que os antigos pescadores do porto de Paita, no norte do Perú, empezaron a chamar así á corrente mariña procedente do golfo de Guayaquil, no Ecuador, que irrompía a finais de ano -cara ao Nadal- e quentaba a auga do mar, o que facía diminuír drasticamente as capturas. Víanse entón obrigados a quedar na casa, sen poder faenar durante varios meses. Ademais, durante todo ese tempo, chovía de forma moi abundante. A volta á normalidade non chegaba ata que empezaban a producirse afloramentos de auga fría, rica en nutrientes, o que daba lugar á aparición de grandes bancos de peixes fronte ás costas peruanas.