mapa de altura

No argot meteorolóxico, nome que recibe calquera mapa con información meteorolóxica a un nivel atmosférico dado, por riba do nivel do mar. Tamén é habitual referirse a el como un mapa de isohipsas, por aparecer trazadas nel esas isoliñas. Todas elas conforman a topografía dunha determinada superficie de presión. Cada isohipsa é unha curva de nivel da citada superficie isobárica. Confecciónanse de forma rutineira mapas de altura para os niveis tipo de 850, 700, 500, 300, 200 e 100 hPa. En rigor, habería que referirse a eles como mapas de altitude, xa que nos informan das altitudes (expresadas en metros xeopotenciais) ás que se sitúan eses niveis de presión. Tanto nestes mapas como nos de superficie, queda ben reflectida a situación sinóptica, con todos os actores da escena meteorolóxica implicados: anticiclóns, borrascas, danas, vagoadas, dorsais… Os mapas de altura propiamente ditos son os que se coñecen como «topografías relativas». Neles, tomando como nivel base de referencia a superficie isobárica máis próxima ao nivel do mar (habitualmente 1000 hPa), trázanse isohipsas cos espesores que acadan determinados niveis tipo de presión. Por exemplo, nunha topografía relativa de 500 hPa, a variación deses espesores representa a variación de altura que experimenta o citado nivel tipo respecto á superficie de 1000 hPa.

Termos relacionados: isohipsa