mapa do tempo
Mapa que representa unha determinada situación meteorolóxica para un ámbito xeográfico e un momento dado; xa sexa do pasado, presente (mapa de análise ou diagnose) ou futuro (mapa previsto). A maior parte destas cartografías inclúe un conxunto de isoliñas correspondentes a un ou varios campos meteorolóxicos, así como información gráfica e/ou numérica complementaria. Existe unha gran variedade de mapas do tempo, tanto de superficie como de altura. Tamén se confeccionan mapas de símbolos meteorolóxicos, empregados habitualmente nos espazos do tempo de televisión. O mapa do tempo clásico por excelencia é o de isóbaras, onde se representa o campo da presión atmosférica ao nivel medio do mar (mapa de superficie). Os mapas do tempo tamén se denominan sinópticos, en alusión á visión xeral que ofrecen da situación meteorolóxica representada. O termo sinóptico, con orixe no vocábulo grego συνοπτικός, significa xustamente «visión de conxunto».
Termos relacionados: análise (meteorolóxica/sinóptica), isóbara