manga mariña

Tornado que ten lugar sobre unha grande superficie de auga, evolucionando todo o tempo sobre ela ou en parte sobre terra firme, aínda que tende a disiparse ao acadar a beira. Algúns autores distinguen entre mangas tornádicas e non tornádicas, en función de que a columna rotatoria de auga, asociada ao remuíño de aire, se despendure ou non dunha nube tormentosa. O máis habitual é que as mangas mariñas sexan máis débiles que os tornados terrestres e se despenduren de nubes cumuliformes, non sempre cumulonimbos (nubes de tormenta). Tamén é relativamente frecuente que se formen varias delas aliñadas. A parte superior da manga, conectada á base da nube desde a que se despendura, adopta a forma dun cono invertido (nube funil) e conecta coa superficie mariña a través dunha estreita columna nubosa, con frecuencia retorcida. A parte inferior desa columna está rodeada por un conxunto de pingas e pinguiñas de auga en suspensión, dotadas de bruscos movementos (cilindro de spray), que escapan da superficie mariña por efecto da intensa succión da propia manga, acadando varias decenas de metros de altura (máis de 100 m nalgúns casos). Este fenómeno meteorolóxico tamén se coñece como tromba mariña ou manguera.

Tamén coñecido como: manguera, tromba mariña