troposfera
Capa inferior da atmosfera, que se estende desde a superficie terrestre -coa que está en contacto- ata a tropopausa, situada en torno aos 11 km de altitude en latitudes medias, aínda que o seu espesor varía en función das condicións meteorolóxicas e a latitude. Nela, a temperatura diminúe coa altitude con bastante regularidade, a razón de 6,5 ºC/km (valor teórico, para a atmosfera estándar) aínda que nalgúns tramos presenta inversións onde se inverte ese comportamento. A troposfera contén aproximadamente o 80 % da masa total da atmosfera e o 99 % de todo o vapor de auga. A presión atmosférica, o mesmo que a temperatura, diminúe ao ascender por ela e faino, ademais, de forma moi rápida (decrecemento exponencial). A uns 5 km de altitude, a presión é aproximadamente a metade que a nivel do mar. De aí para arriba, a escaseza de osíxeno dificulta a respiración. Na troposfera prodúcense a maior parte dos fenómenos meteorolóxicos (choivas, treboadas, frontes, ciclóns…), tendo lugar movementos verticais de aire ligados principalmente á convección (quentamento do chan) e os forzamentos orográficos. A axitación do aire, o seu movemento constante, é unha das principais sinais de identidade desta capa, cuxo nome foi proposto, en 1909, polo meteorólogo francés Léon P. Teisserenc de Bort (1855-1913), xustamente en alusión á súa natureza cambiante. A palabra troposfera xorde da fusión dos termos gregos τροπος (tropos), que significa xiro, e σϕαιρα (sphaira), esfera.